Domingo, 07 de marzo de 2010

A Escola Galega de Adestradores de Baloncesto inaugura neste mes de marzo os seus cursos de Iniciación correspondentes ao ano 2010.

A Delegación de Vigo será a encargada de acoller o primeiro e dar así oportunidade a todos os amantes do baloncesto que desexen iniciarse como adestradores.

A Delegación en Vigo da Federación Galega de Baloncesto acollerá durante este mes de marzo e no vindeiro mes de abril o primeiro curso de iniciación da Escola Galega de Adestradores para a temporada 2009/2010.

Baixo a dirección de Cuco Rodríguez e repartidas as clases en dúas fins de semana completas (13 e 14 de marzo e 17 e 18 de abril), levarase a cabo este curso en horario de 09.30 h a 14.00 h e de 16.30 h a 21. 00 h.

O Colexio Maristas de Vigo acollerá a actividade, a cal contará cun elenco de profesores completo e de grande calidade. Así, os alumnos poderán contar coa experiencia e profesionalidade de adestradores e adestradoras da talla de Carlos Colinas, César Iglesias, Jaime Timiraos, Cristina Cantero, o propio director do curso, Cuco Rodríguez, e o recentemente nomeado seleccionador español feminino U 18 e actual adestrador do Real Club Celta de LF2, Miguel Méndez.

Inscrición e participación
A participación neste primeiro curso da temporada require un proceso de inscrición para o cal a Escola Galega de Adestradores habilita unha data límite: o vindeiro 11 de marzo, xornada anterior a fin de semana inicial do curso.

Deste xeito, e antes desta data,  os interesados en formar parte da iniciativa teñen que facer chegar á Delegación Viguesa de Baloncesto o formulario de inscrición.  Así mesmo, deberán entregar 2 fotografías tamaño carné, fotocopia compulsada do DNI, e xustificante de ter pagado a cota de inscrición ao curso, así como copia compulsada da titulación académica.

Os datos completos referidos a este proceso: cota de inscrición, requisitos básicos, número de conta e recomendacións para os alumnos poden consultarse na convocatoria dos Cursos de Iniciación 2009/2010


Publicado por cbcaselas @ 19:12